O vindeiro 12 de marzo, a Asociación Empresarial Galega de Centros Especiais de Emprego (Cegasal) e a Asociación de Empresas de Inserción de Galicia (Aeiga) organizan a xornada ‘Compra pública responsable nas administracións locais’, un encontro dirixido a responsables municipais, profesionais do sector público e entidades de economía social interesadas en promover unha contratación pública con impacto social e ambiental.
A compra pública responsable representa unha grande oportunidade para que as administracións locais impulsen a inclusión laboral de persoas con discapacidade e en risco de exclusión. A xornada preséntase como un espazo de aprendizaxe e intercambio de experiencias, no que abordar cuestións fundamentais como a integración de criterios sociais na contratación pública, os retos normativos e administrativos que deben afrontar os concellos galegos e as boas prácticas xa implantadas en diferentes municipios.
O evento celebrarase no Edificio CINC da Cidade da Cultura de Santiago de Compostela en horario de mañá, desde as 9:45 horas ata as 14:00 horas. A xornada estrutúrase arredor de relatorios e mesas redondas onde se analizarán diversas estratexias para aplicar a contratación responsable no contexto municipal, así como os desafíos e oportunidades que presentan estas políticas nos concellos. Tamén se compartirán experiencias de órganos de contratación que xa implantaron con éxito este modelo e presentarase unha selección de casos reais de empresas que demostran a viabilidade e os beneficios da compra pública responsable.
A xornada pecharase coa intervención de Marta Mariño, directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, do presidente de Cegasal, Mino Martínez, e da presidenta de Aeiga, Isabel Fraga.
A participación é gratuíta e require inscrición previa. As persoas interesadas poden reservar a súa praza cubrindo o formulario dispoñible na seguinte ligazón.
Esta actividade forma parte do programa de actuación 2024-2025 da Rede Eusumo.